A olhada lenta do rural

Sem ánimo nengum de ofender. Recentemente vim dous documentais sobre a sociedade tradicional. Chamou-me a atençom, na altura do segundo, decatar-me de como abondavam (nos dous casos, e em pensando-o, acho que em muitos outros com a mesma temática) os planos de transiçom fixos, a se recriar na paisagem. Planos demorados, nos que nom acontece nada. Erva, um regato. Um cam a passar. Alguem atravessa o caminho. Um tractor. A modo.

Canda a isto, semelha salientar-se o silêncio do contorno (ou a contra, os ruídos naturais: o paxaros, o ruído das abelhas, o vento nas árvores). Ou os espaços abandonados, e aqueloutros que salientam a ruralidade do rural, é dizer, as cousas que nom estám presentes nas cidades.
Quiçais se poderia falar umha certa insistência nos elementos que já som alheios para umha olhada urbana. Cozinhas de ferro, bancos, palheiras, cortes. O contorno apresentado coma um paradisso natural e um mundo que esmorece.

Nom digo em absoluto que isto seja consciente. Ao contrário, estou certo de que aos realizadores lhes pareceu o mais natural adoptar essa olhada. A mim fai-se-me conhecia, como a olhada contemplativa, estranhada e ao tempo familiar, com que alguns urbanitas chegamos ao campo e nos orgulhamos de reconhecer a lareira, o hórreo, a funçom do carro, em sabendo ao tempo que nom é esse o nosso mundo cotiám. Como se, em algum país estranho, conhecéssemos usos e costumes alheios.

Penso entom. Seria possível fazer um documental sobre o rural tradicional com outro ritmo? Cómpre viver e estar inserido lá para o olhar doutro jeito? Planos nos que se amosa a actividade constante que é comum à vida: Os labores contínuos que se estám a desenvolver, a acçom dos animais e da natureça, o movimento constante que agita sempre a natureza…
Seria necessário?

6 reflexións sobre “A olhada lenta do rural

  1. Achega de Moisés Álvarez Jorge:
    Non vin Pacios, que ten moi boa pinta, pero a túa reflexión paréceme moi acertada. Debe haber outros camiños entre o bucolismo e o bravú. Eu recoméndoche dúas curtas que se saen do tópico, de diferentes maneiras. Se cadra xa viches: “Sulfato” de Abelardo Rendo
    http://vimeo.com/1753667
    e “Katiuska. Un conto agrícola” de Antón Coucheiro.
    http://vimeo.com/32423146

  2. Joer Xermán, moi interesante blog. Creo que algunha vez che lera algo, pero non o mirara con calma. Sobre o tema este, como cuestións de fondo do que planteas, eu sinalaría dúas cousas. Dun lado, o modo de representación visual e doutro, a temática-contidos da peza.
    Sobre o modo de representación, creo que o normal en Galicia veñen sendo traballos expositivos (ou sexa, formato informativo estándar, con cortes de declaracións de entrevistas á cámara) e nos últimos anos penso que hai máis cousas observacionais (Movida tipo Callejeros, acompañando á xente, vendo as súas interaccións e declaracións ‘espontáneas’) -Sería o caso de ‘Eloxio da distancia’, que teño pendente de ver e que ten boa pinta- Igual hai tamén cousas en plan evocativo, poético-reflexivo (videocreacións p.ex.), que non controlo; pero o que non creo que haxa son historias xeradas de xeito participativo, que é un xeito de traballar que si creo que podería aportar novidades en canto a tratamento visual e tamén temático.

  3. Obrigadom Brocos! Tes muita razom em que o discurso adoita ser expossitivo, mesmo em aqueles documentais que se suponhem etnográficos (aponto o do Eloxio da distáncia). E completamente de acordo com o da participaçom, o que me traz à cabeça o projecto aquele de Comba com “Cabo do mundo”:
    http://www.culturagalega.org/avg/produccion.php?Cod_prdccn=828&busca=Cabo%20do%20mundo

    Fixo que no fundo há cousas por ai bem mais originais do que pensamos. Um saúdo e obrigadom de novo!

  4. Pingback: Beléns políticos | Apontamentos do natural

  5. Pingback: Lugar e nom cenário | Apontamentos do natural

  6. Pingback: Unha sociedade festeira | Apontamentos do natural

Os comentarios están pechados.